A nosa historia

O Grupo A Misela nace a comezos do ano 2011 como iniciativa dun grupo de socios da Sociedade Liceo de Noia (A Coruña), unidos polo seu gusto común pola música popular hispanoamericana.

En outubro de 2022 constitúese oficialmente como entidade coa denominación “Asociación Musical A Misela”.

A formación destaca pola riqueza da súa sonoridade, configurando un coro masculino a tres e catro voces acompañado dun excepcional acompañamento instrumental: guitarras, requinto, percusión, baixo eléctrico, teclado, frauta e gaita galega.

Esta combinación única de voces e instrumentos permite crear arranxos propios e cheos de emotividade, cun repertorio que abrangue desde o bolero máis clásico ata a música melódica contemporánea, cunha especial atención á música galega e española.

A Misela é, en esencia, unha homenaxe viva ás raíces musicais que unen Galicia e América Latina, ofrecendo en cada actuación unha experiencia cargada de emoción, sensibilidade e irmandade cultural.

Traxectoria artística

A Misela realiza anualmente concertos en diferentes localidades de Galicia e está inscrita nos circuítos da Rede Cultural da Deputación da Coruña, dentro do programa Alicerce. Ademais, participou en varias ocasións no programa LUAR da TVG e realizou a música para o episodio do programa “Ribeiras de Salitre” dedicado á vila de Noia.

No ano 2013 destaca a súa participación no IV Encontro de Cultura Iberoamericana en Torremolinos (Málaga). Outras cidades andaluzas como Rincón de la Victoria, Benalmádena e Sevilla tamén gozaron da súa música.

En 2014 actuou en Salamanca, no Centro Galego de Salamanca e no festival “Salamanca Latino”.

No ano 2017 ofreceu concertos en Zaragoza e na localidade asturiana de Avilés, e en outubro de 2023 levou a súa música a Madrid, actuando no Centro Galego de Madrid e no Centro Cultural de los Ejércitos.

No ámbito discográfico, publicou en 2014 o seu primeiro CD, “Música popular iberoamericana”, e en 2019 presentou o seu segundo traballo discográfico, “Cara a Cara”.

O noso nome

O nome “A Misela” é unha expresión galega coa que se denomina un importante banco de area situado na Ría de Muros-Noia, do que se extrae unha gran cantidade de marisco. Este banco constitúe unha das principais fontes de riqueza e traballo da vila de Noia e da súa comarca, motivo polo cal o grupo adopta este nome como símbolo de identidade e pertenza á súa terra.